Reseña de / Review of
Torre-Espinosa, Mario de la (2020). Almodóvar y
la cultura: del tardofranquismo a la Movida. Gijón: TREA. ISBN 9788418105074. 280 pp.
Miguel Alcalde
Silveira
Universidade de
Santiago de Compostela
Recibido: 22/01/2023
Aceptado: 10/04/2023
Nos procesos de canonización cultural hai momentos
nos que xorden axentes desde as marxes que se insiren de xeitos inesperados nos
campos artísticos, véndose favorecidos por unhas circunstancias sociais,
políticas, económicas e históricas moi específicas. É este o caso de Pedro
Almodóvar, unha mente creadora, rompedora, innovadora e violenta contra as
normas establecidas, que foi quen de facerse un oco como unha das figuras máis
importantes do cine español e unha das máis influentes do panorama cinematográfico
da posmodernidade. A mínima intrusión no seu mundo creativo invita
irremediablemente a afondar máis nos seus traballos desde calquera perspectiva
que se tivese nun principio. Concretamente Mario de la Torre-Espinosa en Almodóvar
y la cultura: del tardofranquismo a la Movida (2020) abórdao desde as
teorías polisistémicas, impulsadas desde Tel-Aviv por nomes como os de Itamar
Even-Zohar ou Rakefet Sela-Sheffy, permitíndolle facer un percorrido panorámico
por todos os acontecementos e prácticas culturais, sociais, económicas,
políticas e históricas que levaron de forma máis ou menos directa ao nacemento
de Almodóvar como director de cine.
Comeza
o seu libro Mario de la Torre cunha introdución ao estado da cuestión que lle
acomete, recoñecendo a súa intención de encher un certo oco na crítica da obra
do manchego en canto a análise sociolóxica se refire. El mesmo di que realiza
un “acercamiento global” a unha obra “tradicionalmente limitada a la
interpretación a partir de este momento histórico [a transición española],
obviando matices imprescindibles para entender correctamente su filmografía”
(12). Son eses matices, pois, os que serán analizados nesta monografía, que
malia á ambición inicial do seu obxectivo consegue levar a cabo o que se
propón. Unha das chaves deste éxito probablemente sexa o segundo apartado desta
introdución, no que explica na súa xusta medida algúns dos conceptos da teoría
dos polisistemas máis importantes como “repertorio” ou “interferencia”. Este
feito posibilita que o autor adopte unha linguaxe quizais menos teórica e
altamente conceptual no resto do volume ao saber que as súas palabras serán
lidas desde este mesmo marco.
O
primeiro capítulo actúa como unha especie de “segunda introdución” ao presentar
de forma máis xeral as tres chaves sociolóxicas máis relevantes para este autor
á hora de estudar a figura de Almodóvar: o nacionalcatolicismo, a Transición
española e a Movida Madrileña. No cruce destas tres coordenadas parece atoparse
este director, e grazas ás súas características a súa filmografía resultou tal
e como a coñecemos a día de hoxe. A primeira delas cobra importancia pola
presenza tanxencial que teñen os seus ideais (ou, máis ben, como estes
atravesan as vidas das súas personaxes) en moitas das súas películas; a
segunda, pola gran permeabilidade e permisividade que exerceron sobre o
panorama cultural e permitiron que a terceira se caracterizase en gran medida polo
aproveitamento de elementos estranxeiros.
A
partir deste último elemento mencionado e para afondar nel dáse paso ao resto
do volume, con diversos capítulos centrados en distintos sistemas culturais e
en como estes influenciaron a Almodóvar: o cine (e outros formatos
audiovisuais), o teatro, a literatura e a música. Materialízanse como un
exercicio analítico que vai moito máis aló do estudo da presenza de elementos
intertextuais e atende (se cabe, aínda máis) a como os distintos modelos, tanto
nacionais como internacionais, moldearon a particular cinematografía
almodovariana. Tráense a colación referentes tan dispares como Hitchcock,
Waters, El Víbora (onde tamén el publicou), Cocteau, Lola Flores ou os
New York Dolls para finalmente demostrar a súa influencia directa na poética do
manchego.
O
primeiro destes capítulos, dedicado ao cine, é inevitablemente o máis largo,
pois traza unha panorámica bastante ampla das figuras cinematográficas que
poden ser apreciables na filmografía de Almodóvar. A pesar de centrarse sobre
todo nas figuras máis presentes e explícitas, como o melodrama de Douglas Sirk
ou o thriller de Hitchcock, non deixa de lado a escena española, onde se
mencionan nomes de parada obrigatoria na cuestión dos inicios do cine queer
en España, como Carlos Saura ou Vicente Aranda. Sería interesante ampliar esta
análise cunha maior presenza nela da figura de Eloy de la Iglesia, que conta
neste capítulo cun par de mencións e unha nota ao pé (na que o propio Mario de
la Torre caracterízao como “una figura clave del cine de la Transición”: 121).
Consideramos que comparte con Almodóvar a situación de seren pioneiros no que a
creadores queer na escena fílmica española se refire, ademais da
influencia que o seu cine exerceu na primeira etapa de Almodóvar a través de
cintas como Los placeres ocultos ou El sacerdote, ambos da época
das primeiras curtametraxes en Super8 do manchego.
Os
capítulos seguintes, igual de profundos e completos malia ao seu menor volume
de páxinas, ocúpanse do resto de media mencionados. Aténdese, por
exemplo, aos referentes reais da presenza fílmica da televisión e a publicidade
en Almodóvar, ambas profesións moi presentes no seu cine. Recoñece posibles
referencias meta-audiovisuais, como o traballo de Victoria Abril como azafata
no Un, dos tres de RTVE nos 70, actriz que posteriormente recibiu papeis
en Tacones lejanos ou Kika de novo relacionados co mundo
televisivo. Continúa logo cun repaso á escena dramática española da transición
e o papel concreto do teatro independente, para logo adentrarse nas referencias
literarias e máis no papel deste arte como fonte e material de base para
adaptacións e remediacións nalgunhas das súas películas. Tampouco deixa pasar a
súa presenza como tema nelas, sobre todo a novela rosa, onde nesta liña podería
ter mencionado a personaxe de Chus Lampreave en Entre tinieblas (autora
“no armario” deste tipo de textos). Por último, pecha o volume o breve capítulo
dedicado á música, que destaca altamente na obra de Almodóvar, sobre todo polos
xéneros do bolero, a copla e o punk, tanto nas súas vertentes puramente
musicais (con inclusión de actuacións dos tres xéneros en diversas ocasións)
como na cuestión estética.
Cómpre
valorarmos en gran medida a atención prestada ás distintas obsesións
interartísticas que podemos atopar a través de todo o corpus almodovariano,
especialmente a algunhas como La voix homaine, o old (e o non tan
old) Hollywood ou o teatro en escena, ademais da eminente presenza de
exemplificacións fotográficas tanto das películas deste director como dos
distintos elementos que se van analizando e comparando. Destacamos tamén o
acerto de incluír algunhas listas fílmicas curadas polo propio Almodóvar por
diversos motivos como o ciclo na Cinémathèque Français co gallo da exposición Exhibition:
Almodóvar! en 2006; ou tamén o seu propio capítulo no volume de Almudena
Lería de 1993 no que recollen as películas favoritas de cen figuras do cine
español. Trátase dunha adición moi importante, ao ser boa mostra do proceso de
reflexión feito polo director, que pode reflexar tamén outras obsesións que
quizais non aparezan de forma tan explícita nas súas producións pero deban ser
tidas en conta para entender o seu repertorio creativo.
Por
último, pero non menos importante, destacamos a inclusión da perspectiva queer, que paradoxicamente parece non
ter estado moi presente no estudo de corpus e totalizador desta filmografía
pero que non pode ser ignorada. Ademais da mención esporádica en diversos
momentos do libro nos que xurde a necesidade de engadila, tamén se dedican
certos (sub)apartados a esta cuestión. É salientable o que trata a Rainer
Werner Fassbinder, un case paralelo alemán de Almodóvar, e estuda incluso a súa
“obsesión” con Jean Genet ao mesmo nivel que a do manchego con Cocteau. Tamén
subliñamos a ollada sobre o queer drama no capítulo catro: tras un breve
percorrido pola historia dos estudos queer,
que contextualiza a un posible lector en absoluto coñecedor desta tradición,
estúdanse as diversas influencias que este tipo de autores (principalmente de
Feydau, Cocteau e Lorca) deixaron na tradición artística almodovariana. Así,
apréciase unha clara preocupación do autor deste volume por non deixar de lado
o feito de que se trate dun director abertamente homosexual e de gran
relevancia no ideario colectivo internacional das persoas LGBTI+, que ven en
Almodóvar un dos poucos representantes da absoluta naturalización das súas
realidades e coñecido pola creación dun star system de actores e
actrices propio, repleto de identidades infrarrepresentadas no cine hexemónico.
Sería interesante tentar
compaxinar a teoría dos polisistemas aquí empregada co concepto de Pierre
Bourdieu de “espazo dos posibles”, pertencente á súa teoría dos campos sociais,
case irmá da de Even-Zohar e en gran medida compatible. Así e todo, Almodóvar
y la cultura acada o seu obxectivo principal: facer unha ampla descrición
do estado do sistema cultural español da transición española, centrándose
naqueles aspectos máis relevantes á hora de comprender a produción do cineasta
e as súas características definidoras. Convértese, polo tanto, en referencia
obrigada en calquera traballo que aborde esta cuestión ao tratarse do estudo
máis completo e actualizado até a data nesta materia. A súa linguaxe sinxela,
ademais, faino accesible a un público máis amplo con curiosidade e interese
pola figura deste autor, á vez que non se fai alleo ao ton máis serio ou
académico requirido neste tipo de traballos e reivindica a necesidade dun
estudo queer da filmografía de
Almodóvar.
ALCALDE SILVEIRA, M. (2023).
Torre-Espinosa, Mario de la (2020). Almodóvar y la cultura: del tardofranquismo
a la Movida. Gijón: TREA. Impossibilia. Revista Internacional De
Estudios Literarios, (25), 168–171.
https://doi.org/10.30827/impossibilia.252023.27191
Esta
obra está bajo una licencia internacional Creative Commons
Atribución-NoComercial-SinDerivadas 4.0.